Páxinas

martes, 15 de marzo de 2022

As nosas serras están en perigo. Parte 1ª. Serra de San Mamede

As nosas serras están en serio perigo pola amezada da inminente montaxe de parques de xeración de enerxía eólica, esta enerxía fai falla mais non a calquera prezo, deben poñerse nos lugares máis axeitados e onde haxa menos incidencia negativa no medio natural e no medio social, neste caso si que é en extremo negativo.

O tema é que a montaña de San Mamede é un referente na provincia de Ourense e non só, un faro dende a distancia. Na antigüidade era xa vista esta peculiaridade, por iso era, e é, unha montaña sagrada, de aí que no seu cimo haxa hoxe a ermida de San Mamede, onde se lle chama O Alto Santo, e que conta cunha romaría tradicional. Hai especulacións da posible orixe etimolóxica do nome de Mamede, alguén di vir de 'nemed', nemeton, co significado de sagrado, lugar sagrado, e de 'nemed' viría 'named' e co tempo derivaría en 'mamede', o de San viría despoixa, mais esta suposta etimoloxía é só unha das hipóteses. O que tamén hai é un eremitorio: A Cova do Santo, e unha fonte sagrada: A Fonte do Santo, e a capela de San Mamede ten vestixios de arte románica, o que reflicte o seu culto polo rito cristiá xa na Idade Media, mais con certeza que ha de ser anterior ao poder ser este nome de Mamede/Nemed, de ser así, de posible orixe prerromana. Só por isto, aínda que só fose de culto medieval e non prehistórico, esta zona xa debería estar protexida ante os atentados paisaxísticos.

Panorámica do Macizo Central Ourensán e San Mamede


No camiño a San Mamede dende Toro, Laza.
Nestes camiños cumieiros son frecuentes as mámoas prehistóricas, hai varias catalogadas, outras destruídas mais cos seus restos aí, e outras seguro que por descobrir, só por isto tamén debería estar protexida a zona, e lembrai que un dos maiores perigos que corre a serra son a apertura e ensanchamento de pistas para acceder aos posibles parques eólicos.

O carácter sagrado áchase estar presente

Panorámica a sur.
Lembramos que San Mamede é un referente na paisaxe vista dende Chaves e aínda moito máis adentrado Portugal, e de supor que esta montaña estivese no seu territorio sería a segunda elevación máis alta de todo Portugal continental, superior en altitude ao Larouco.

Intensa reforestación con piñeiros, isto xa foi unha desfeita ambiental e social en tempos e hoxe séguese a agredir con máis ameazas coma esta dos parques eólicos.

Vista do planalto da Limia dende San Mamede

Perspectiva aérea das serras lonxíncuas: O Larouco, O Xurés, A Peneda, O Covelo, O Paraño, O Faro, O Alvão, O Marão, A Padrela, e outras xa na visual do Douro.

Panorámica a noroeste: Os Milagres e terras de Maceda

A tranquilidade e o modo de vida dos pobos veríase alterado con consecuencias moi negativas que os seus habitantes nin imaxinan, o que en principio lles pode semellar algo positivo convertiríse de súpeto nalgo tremendamente negativo.

Touzas inmensas nas ladeiras

Nesta fotografía vemos unha paisaxe de ladeira de montaña: pradarías con vidueirais e matogueiras baixas, bon, tamén se ven salferidas esas manchas de vexetación máis alta que ten un verde diferente, son nada menos que piornais. As xestas son especies colonizadoras e por iso os xestais aparecen en zonas degradas, son o comezo do bosque, ben, pois os piornos é unha especie climácica o que nos leva a que eses piornais chegan a acadar un equilibrio clímax, e que este equilibrio sustenta a moita vida animal e vexetal.

A vexetación adáptase ás duras condicións climáticas da montaña, neste caso un piñeiro silvestre, Pinus sylvestris.


Esta é unha paisaxe de pradaría e bidueiral. Lémbrese que nas ladeiras de San Mamede está o espazo natural protexido do Bidueiral de Montederramo, mais esta imaxe é nas Corcerizas.

O infindo dende o sagrado

Logo temos a flora e a fauna de montaña. Lembramos que a Serra de San Mamede e todo o Macizo Central Ourensán é un espazo natural protexido ao estar incluído dentro da Rede Natura 2000 e á que non lle están a facer consideración algunha, a sabérense as motivacións. E téñase en conta que o Parque Natural do Invenadoiro está dentro deste macizo e debería ser todo o Macizo Central Ourensán un parque natural ďeclarado e non só os Montes do Invernadoiro, que só conta cunha pequena representación do que aí hai, e que nin é mesmo do mellor, só por haber tido unha serie de singularidades históricas e sociais, mais con matices, coma un dos maiores xardoais galegos, de Ilex aquifolium, ou contar coa presenza dalgúns dos carballos albariños, Quercus robur, máis antigos de Galicia.

Dentro da flora hai, xa non especies vexetais, que tamén, senón comunidades ameazadas e hábitats de conservación prioritaria en toda Europa coma os breixais atlánticos e de montaña, as turfeiras, os xardoais, ou a mesma flora de montaña incluídos eses piornais, e moito máis. Logo están as especies endémicas, é dicir as que de todo o mundo só aparecen en determinados lugares, aquí existen varios endemismos de montaña, uns son locais e outros están compartidos con rexións máis amplas aínda que seguen a ser restritas, de facto é unha zona de transición entre diversas, digamos, rexións bioclimáticas e flora e fauna asociadas: a influenza mediterránea chega do sur polo Val do Támega e conecta co Douro e este co monte mediterráneo e mesmo con correntes africanas, a influenza atlántica chega polo oeste dende as terras do Limia e as do Miño e conecta co océano Atlántico, unha outra continental que chega dende o leste e que conecta coas serras orientais aurienses e daí coa meseta castellana continental, e unha última de montaña que chega do norte e que conecta todo o Macizo Central Ourensán, pertencente ao Macizo Galaico, e este co Macizo de Trevinca, e á súa vez este cos Montes de León, cos Picos de Europa e coa Cordilleira Cantábrica.

Logo hai especies vexetais en serio risco de extinción coma os teixos, Taxus baccata, con moi poucos pés e ningunha masa considerable, aprovéitase para propor a plantación e recuperación desta especie; e outras de interese botánico e con risco serían a composta Phalacrocarpum oppositifolium, a árbore das fagáceas Quercus orocantabrica, as gramíneas Festuca elegans ssp. merinoi ou Nardus stricta en cervunais ou Festuca summilusitanica ou Agrostis tileni e A. durieui e outras gramíneas restritas e de grande interese, as saxifragáceas Saxifraga spathularis ou Micranthes lepismigena, as ericáceas Pyrola minor ou Erica umbellata ou E. tetralix protexida por directivas europeas, as plantas carnívoras Drosera rotundifolia (papeira) ou Pinguicola vulgaris vs. P. lusitanica, o endemismo da rubiácea Galium belizianum, a ciperácea Eriophorum angustifolium, a xuncácea Luzula sylvatica, as fabáceas Genista micrantha ou G. polygaliphylla ou Echinospartum ibericum ssp. pulviniformis, a hipericácea Hypericum pulchrum, as crasuláceas Sedum fosterianum ou S. brevifolium en comunidades rupícolas orófilas, as cariofiláceas Silene acutifolia ou S. gayana ou Arenaria querioides ou Dianthus laricifolius ssp. merinoi ou D. langeanus, a resedácea Sesamoides minor, a poliganácea Acetosa suffruticosa, a plantaxinácea Linaria alpina, a asterácea Jurinea humilis, a plumbaxinácea Armeria ciliata, as liliáceas Simenthis mattiazzii ou Fritillaria pyrenaica ou Erythronium dens-canis, a iridácea Crocus carpetanus, as umbelíferas Angelica laevis ou Heracleum shpondylium, a escilóidea Hyacinthoides non-scripta, a escrofulariácea Melampyrum pratense, as xencianáceas Gentiana pneumonanhe e G. lutea (xanzá) protexida por directivas europeas, a amarillidácea Narcissus asturiensis protexida por directivas europeas, a orquídea Dactylorhiza maculata, mesmo pteridofitas coma os fentos Asplenium onopteris ou Dryopteris affinis ssp. borreri ou Dryopteris dilatata, ou as briófitas coma os brións esfagnáceos Sphagnum spp. e varias especies de hepáticas.


En fauna non está nada mal, aínda que tivo tempos mellores, se se coidase este medio natural sería excepcional. A modo de exemplo diremos que a distribución de lagarta da serra, Iberolacerta monticola, ou ra vermella galega, Rana parvipalmata, está constatada no macizo a escasa distantancia desta zona da Serra de San Mamede polo que non é de desbotar a posible presenza destas especies aquí, só por esta circunstancia xa debería estar conservado e protexido este espazo natural. Logo outras, coma a presenza de oso pardo, Ursus arctos, en dispersión por todo o macizo; ou a presenza histórica do lince boreal, Lynx lynx, segundo testemuños recollidos por toda a volta da serra, animal ao que lle chamaban queixa, e que daí ven o nome da veciña Serra de Queixa; ou a escasa e protexida Charrela, Perdix perdix, mesmo un testemuño de fiar e relativamente recente de perdiz branca, Lagopus muta, tan de fiar é que foron matados uns exemplares por uns cazadores; ou mesmo a presenza coma territorio de campeo da protexida e localizada aguia real, Aquila chrysaetos; ou tamén a presenza reducto do leirón cincento, Glis glis; e mesmamente a víbora fuciñuda, Vipera latastei, entre moitas máis raridades. Despois poderíase enumerar unha lista de centos, literal, centos de especies superiores: réptiles, anfibios, aves, mamíferos, bolboretas diúrnas, avelaíñas, escarabellos, libeliñas, e outros.

Erythronium dens-canis, unha especie propia de montañas

Narcissu asturiensis, un dos varios endemismos

Crocus cf. carpetanus, de elevado interese botánico

Lagarta galega, Podarcis bocagei, nas casas das Corcerizas

Escarabello da familia dos meloideos, seguramente que do xénero Meloe, aínda que por fotografía non se poida asegurar a especie mais ha de ser Meloe cf. proscarabaeus.

Todo isto leva a verse, por pouco que se reflexione, que áchase non se debería sacrificar este tipo de lugares excepcionais a nivel natural, paisaxístico, social, antropolóxico e arqueolóxico, coa excusa da necesidade de enerxía. Enerxía si mais non a calquera prezo, diríase a proposta de buscar outros lugares axeitados e que non estraguen o noso patrimonio natural e humano. Ah, e esta montaña sagrada non era só para os veciños dela senón que para toda a súa área de influenza, é dicir, que chega ata os límites do Douro para nos entender.

Agardemos un retroceso na vontade de estragar para sempre esta fascinante serra e montaña sagrada, as futuras xeracións agradecerano.

Un saúdo e grazas por interesárdesvos, lérendes e vérendes isto. Por un San Mamede eterno!

xoves, 16 de marzo de 2017

Cirifolla nas lagoas do Támega


CirifollaPicafollas ibéricoPhylloscopus collybita, ave fotografada nas beiras dunha das lagoas do río Támega en Mourazos

luns, 23 de xaneiro de 2017